POEMAS EN GALEGO E PORTUGUÉS DE DISTINTOS AUTORES E AUTORAS TRABALLADOS NAS AULAS DE EDUCACIÓN INFANTIL DO CEIP DE AGUIÑO.
domingo, 17 de abril de 2011
A LÚA CHOVE NO RÍO.
A LÚA CHOVE NO RÍO
E NAS SOMBRAS DAS FERIDAS
QUE ÁS PERSOAS INOCENTES
ESTÁ A DEIXARLLE A VIDA.
A LÚA CHOVE NO RÍO
E NUNCA, NUNCA SE AFOGA,
PORQUE CHOVE CON LEDICIA
E ACARIÑA, E MESMO, XOGA.
A LÚA CHOVE NO RÍO
E BICA NO CORAZÓN
E TODOS AQUELES SERES
QUE PERDEN A SÚA VOZ.
A LÚA CHOVE NO RÍO
E NO CORPO DOS MENIÑOS
QUE VAGAN DE RÚA EN RÚA
NA BUSCA DUN ALOUMIÑO.
(Antonio García Teijeiro. Chove nos versos)
CHOIVA DE LÚA.
CHOIVA DE LÚA,
AUGA DE PRANTO,
LAZOS QUE MOLLAN
CADA RECANTO.
CHOIVA DE LÚA,
AUGA DE ESPELLO,
PINGAS QUE ESVAEN
OS PESADELOS.
CHOIVA DE LÚA,
AUGA DE ARROLO,
AIRE QUE CONTA
CONTOS DE LOBOS.
CHOIVA DE LÚA,
AUGA DE VERSOS LIÑAS
QUE VOAN
POLO UNIVERSO.
CHOIVA DE LÚA,
LÚA DE RISAS,
RISAS DE VIDRO
VIDRO DE BRISAS.
(Antonio García Teijeiro. Chove nos versos)
domingo, 3 de abril de 2011
HAI UNHA ILLA LOUBADA
Hai unha illa loubada
Alá no fondo do mar.
Ten bois da color do tempo
E pastoras de cristal.
Ten un río de paxaros
Que desemboca en canción.
Paxaros mornos de illa
Con os seus niños no sol.
Ten lúa nova e crecente
E ollos para decir ai lá!
A boca tena pechada
Para vendimas de sal.
E ten un cabelo novo,
Ai amor! Qué pelo ten.
Cheiro profundo de alga
E sabor limpo de mel.
ÁLVARO CUNQUERIO
VERDE ESTÁ O MAR
VERDE ESTÁ O MAR
Verde está o mar cando o miro
polo cadro da ventá:
pelo verde, verde peito,
ollos verde mazá:
por un val do seu costado,
ráchalle unha barca o sal,
mil peixes descoñecidos
berran sen poder berrar.
Sangue no ronsel de escumas,
branco sangue, sangue real.
Rompéndolle o corpo verde
aquel barco vai pescar.
Ana Mª Fernández
PERGUICE
PERGUICE
Polos anzos de Sampaio
fita o sol de ista mañán:
quer mirar as illas Cíes,
mais nos as pode mirar.
Érguete, sol perguiceiro,
érguete, que é tempo xa:
debalaron os arrolos
agarimosos do mar,
que o berce da lúa chea
xa está canso de arrolar.
Érguete, sol perguiceiro,
érguete, que é tempo xa;
que fuxa a neboa agoirenta
e cante o merlo lanzal.
Érguete, sol perguiceiro,
que teño de ir a pescar!....
ÁLVAREZ BLÁZQUEZ
DEIXA O BARCO NAVEGAR
DEIXA O BARCO NAVEGAR
Deixa o barco navegar,
que hoxe che vai a traguer
un peixiño de cristal....
Ti e mais eu, miña nena,
andamos a brincar
ás casiñas na praia
e aos navíos no mar.
As casas son de cuncha,
os barcos de papel,
e ti e mais eu seremos
feitos de nacre inxel.
Axiña que as botamos
as barcas se asolagan....
Ai, Dios, que brincadeira
iste brincar das vagas!
Logo vimos para terra
reparar nosas chouzas.
Todas se derrubaron,
unhas enriba das outras!
Que ledo é, miña nena,
traballar para res,
facer casas de cunchas
e barcas de papel.
E, cando na noitiña,
xa cansos de brincar,
che apreixe nos meus brazos
para che acocorar,
cantarche manseliño
a historia dun amor
que non se vai ao fundo
porque o goberna Dios.
ÁLVAREZ BLÁZQUEZ
ONDAS DO MAR
ONDAS DO MAR
Ondas do mar,
verdes ondas,
altas, baixas,
longas,
fondas;
ondas cun facho de escuma,
ondas que buscan fortuna,
ondas que son latriqueiras
e de ribeira en ribeira
saltan en máxicas dunas;
ondas que bican os fondos
e remontan altos tombos,
ondas que estralan,
que brúan;
ondas con dedos de chamas,
ondas que abraian e aclaman,
ondas que xuntan areas,
ondas que contan fazañas,
ondas que erguen montañas,
ondas do Sur e do Norte,
ondas que esconden a Vida,
ondas que tecen a Morte,
ondas pequenas, mainiñas,
ondas que cobren o mundo.
Moradoras da mariña,
mensaxeiras do profundo.
Ana Mª Fernández
CABALEIRO DO MAR.
CABALEIRO DO MAR
Cabaleiro do mar, fun cabaleiro
dun castelo de estrelas desvalidas,
entre cachóns de anémonas perdidas
entre cinzas que afloran no salseiro.
Cabaleiro do mar, fun cabaleiro,
na galera de mans esvaecidas,
entre bágoas de sal esmorecidas,
amarrando o puntal do mastroeiro.
Cabaleiro do mar; de pés mollados,
entre alfanxes sombríos, ondulados,
de azagaia sutil e nacarada.
Cabaleiro de soño e de serea
tumbado no devalo da marea
sen pavés, sen loriga e sen espada.
ALEXANDRE NERIUM
SAÍA A SEREA
SAÍA A SEREA
Saía a serea
con saia de mar.
Saía a serea,
cantando un cantar.
Saía a serea
con saia salgada,
cabelos de noite
e escama dourada.
Saía a serea
no mar do coído,
con tres margaridas
nun peto escondido.
Saía a serea
dun fondo castelo,
levaba unha cuncha
prendida no pelo.
Saía a serea
con moito esplendor,
saía soíña
buscando un amor.
E andaba ós menceres
cantando baixiño,
montada no lombo
dun mouro golfiño.
Que nade, que nade
a linda serea,
que teza mil ondas
en cada marea.
Que teza mil ondas,
que enfeixe cantares
para os mariñeiros
que sucan os mares.
Ana Mª Fernández
O MAR
O MAR
Ti nunca viche-lo mar
cos seus berros bruadores,
coas súas escumas de prata,
cos barcos e os pescadores.
- ¿Ti nunca viche-lo mar
a tecer e a destecer
ondas azues que van
á praia mansa morrer?
- ¿E ti non sabes que o mar
é unha inmensa longura,
auga e ceo, ceo e auga,
maxestade e fermosura?
- ¿Ti nunca víche-lo mar?
¿E sabes que non repousa?
- ¡Se nunca viche-lo mar
non viches ningunha cousa!
Manuel María
GALICIA
GALICIA
Galicia docemente
está ollando o mar:
¡ten vales e montanas
e terras para labrar!
Ten portos, mariñeiros,
cidades e labregos
¡cargados de traballos,
cargados de trafegos!
Galicia é unha nai
velliña, soñadora:
¡na voz da gaita rese,
na voz da gaita chora!
Galicia é o que vemos:
a terra, o mar, o vento...
¡Pro hai outra Galicia
que vai no sentimento!
Galicia somos nós:
a xente e mais a fala
¡Si buscas a Galicia
en tí tés que atopala!
Manuel María
PATRIA DO MAR
PATRIA DO MAR
Patria do mar, e como vén o vento
de salitre e laído de arroaces,
e como el é de peixes e de fugaces
figuracións de mar en movemento.
Patria do mar, e como a lonxanía
nos calexóns penetra e se peneira,
como entra en cada casa mariñeira
cun ancho recender a marusía.
Patria do mar, e como brilla a danza
das gaivotas xirando harmoniosas
sobre as ondas á beira do alborar,
e como verde musgo da lembranza
resplendece nas pedras nemorosas
da cidade que se ergue cara ó mar.
DARÍO XOHAN CABANA
DORNA
DORNA
Sobre as ondas do mar, baixo do vento,
vai a dorna peneira que peneira,
e a gaivota que vaga vagaceira
non é máis grácil, non, nin ten máis tento.
Non é máis espilida e mariñeira
nin lizgaira sardiña nin famento
golfiño brincador que vai atento
do cardume de xarda viaxeira.
E corre polas ondas e retorna
sobre de si, sumisa á man humana,
e acanéase e baila e non se entorna,
cousa linda movéndose galana
na crista do abalar, preciosa dorna
onde un home libérrimo se afana.
DARÍO XOHAN CABANA
VEIRAMAR
VEIRAMAR
Veira da mar, noite mesma.
No lombo do ceo, escamas
de bulideiras estrelas.
Lúa poñente. Gadaña
sanguiñosa boca aberta
agoreira, esfameada.
Lóstregos na lonxanía.
Ollo chuscalleiro o faro,
voltando, mira que mira.
Un pino tece unha coita.
Chirlatexa un mouricego.
A mar nos penedos rosma.
Falan os arbres ao vento.
Pola veiramar bogando
van as barcazas do medo.
As sombras dos malfalados,
os mortos polos feitizos
que non foron soterrados.
BLANCO AMOR
sábado, 19 de março de 2011
DEIXADEME LIBRE.
DEIXÁDEME LIBRE,
QUE QUERO IR Ó MAR;
CAMIÑO DE IDA,
NON VOU REGRESAR.
AS ONDAS ME LEVEN
ONDE HAXA UN CANTAR.
DO BARCO DOS SOÑOS,
SEREI CAPITÁN.
ARROACES MOUROS
VIRANME ESCOLTAR.
SEGUIREI DA ESCUMA
O LOUCO BAILAR.
DOS PORTOS QUE TOQUE,
NINGÚN SABERÁ.
DEIXÁDEME LIBRE,
QUE QUERO IR Ó MAR.
(ANA Mº FERNÁNDEZ.”Ondas de verde e azul”)
O MEU BARCO.
Teño un barco de xoguete
e nel me quero embarcar.
Polos mares dos meus soños
¡quen me dera navegar!
Navegarei por mil ríos,
sete mares hei cruzar.
¡No meu barco de xoguete
cansarei de viaxar…!
¡No meu barco de xoguete,
mariñeiro e capitán…!
¡Non teño medo ó trebón
nen me asusta o furacán!
¡O meu barco de xoguete!
¡O meu barco moito val:
verei terras, verei illas,
verei mares de coral…!
¡Andei por tódolos mares!
¡Xa cansei de navegar
co meu barco de xoguete
sen saír do meu fogar!
(Manuel María. Os soños na gaiola)
ESTÁN MOI CANSAS AS BARCAS.
Están moi cansas as barcas
aló no fondo do mar.
Semella que están durmindo
e non queren espertar.
O vento está a acariñalas
cos seus dedos pillabáns.
As barcas seguen durmidas
e parecen non notar
os aloumiños e beixos
que o vento lles quere dar.
Dormen as barcas cansadas
aló no medio do mar
(García Teijeiro.Ventos)
CANDO O VENTO AGARIMA.
Cando o vento agarimaba
ás ondiñas xoguetonas,
os peixiños prateados
dábannle forte ás zanfonas.
-Ollanos- dixo un cativo.
-Bícanos- dixo un segundo.
-Fainos cóxegas, ventiño, - dixo, mecoso, outro deles.
O vento abriu os seus brazos
cara ós peixes pequechiños.
Peixes e ondas fixeron
unha roda de aloumiños.
(García Teijeiro. Ventos)
ADIVIÑAS SOBRE A LÚA.
SEN TRABALLAR TEÑO CUARTOS
SEN MORRER SON NOVA OU VELLA,
SEN COMER CARNE OU CALDO,
MOITAS VECES ESTOU CHEA.
ALTO POMPÍN
REDONDO MOLETE,
QUE CHOVA,
QUE NEVE,
E NON SE DERRETE.
(Paco Martín.Que cousa é cousa...?)
O RATO E MAILA LÚA.
UN RATO DÍXOLLE Á LÚA:
-NUNCA REPARAS EN MIN;
POR ESO VIVO NA RÚA
METIDO NUN CALCETÍN.
ELA FITOUNO ABRAIADA.
DÉRONLLE GANAS DE RIR.
DAQUELA APAGOU A LÁMPADA
E DISPÚXOSE A DURMIR.
POLO DESPREZO DA LÚA,
O RATIÑO ALPORIZADO,
BERROULLLE CON MOITA FORZA:
- XA NON ESTOU NAMORADO!
(Antonio García Teijeiro."O libro dos cen poemas")
A LÚA.
LÚA QUE SAES DE NOITE NÚA
¿ONDE TES A CASA TÚA?
LÚA NOVA
OCULTA NA COVA.
LÚA CRECENTE
MÉDRALLE UN DENTE.
LÚA MINGUANTE
CAIRO DE ELEFANTE.
LÚA QUE SAES DE NOITE ESPIDA
¿ONDE DORMES DE DÍA?
(XOÁN NEIRA."Xiz de cor")
O INVERNO ESTÁ PRETO.
A lúa está dormida.
A noite está a chamala.
A lúa está roncando.
A noite está enfadada.
Cobren sabas de prata
o seu leito salgado.
Hoxe xa non esperta;
segue cos ollos pechados.
Dorme a lúa no mar.
Sombras voan no ceo.
Pensa a noite,tristeira:
"O inverno xa está preto".
(Antonio García Teijeiro."Lueiro de papel")
A LÚA PERDEU O SONO.
A LÚA PERDEU O SONO.
NON O ATOPA POR NINGURES.
MAL SABE A LÚA LUADA
QUE A LÚA CON SONO,
NON É NADA.
NON É NADA
(Gloria Sánchez."Fafarraios")
A LÚA.
A SEÑORA LÚA
INDA ESTÁ SOLTEIRA
¡A SEÑORA LÚA,
A LÚA LUEIRA!
A LÚA LUEIRA,
A SEÑORA LÚA:
¡TEN GANA DE TROULA
E QUERE IR DE RÚA!
¡E QUERE IR DE RUA,
DE TROULA IR QUERÍA.
QUE SENTE MORRIÑA
E MELANCOLÍA!
A SEÑORA LÚA,
A LÚA RUEIRA,
COMO ANDA DE NOITE,
SEMPRE ESTÁ TRISTEIRA.
SEMPRE CON TRISTURA
E MELANCOLÍA
QUE ANDA POLA NOITE
E DORME DE DÍA.
(Manuel María. "Os soños na gaiola")
Assinar:
Postagens (Atom)