sábado, 19 de março de 2011

LÚA, LUEIRA


LÚA,LUEIRA
ROSA DO CEO
TOCO O TEU CORPO,
CANTO TE QUERO!
(ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO.LUEIRO DE PAPEL)

DEIXADEME LIBRE.


DEIXÁDEME LIBRE,

QUE QUERO IR Ó MAR;

CAMIÑO DE IDA,

NON VOU REGRESAR.

AS ONDAS ME LEVEN

ONDE HAXA UN CANTAR.

DO BARCO DOS SOÑOS,

SEREI CAPITÁN.

ARROACES MOUROS

VIRANME ESCOLTAR.

SEGUIREI DA ESCUMA

O LOUCO BAILAR.

DOS PORTOS QUE TOQUE,

NINGÚN SABERÁ.

DEIXÁDEME LIBRE,

QUE QUERO IR Ó MAR.

(ANA Mº FERNÁNDEZ.”Ondas de verde e azul”)

O MEU BARCO.


Teño un barco de xoguete
e nel me quero embarcar.
Polos mares dos meus soños
¡quen me dera navegar!
Navegarei por mil ríos,
sete mares hei cruzar.
¡No meu barco de xoguete
cansarei de viaxar…!
¡No meu barco de xoguete,
mariñeiro e capitán…!

¡Non teño medo ó trebón
nen me asusta o furacán!
¡O meu barco de xoguete!
¡O meu barco moito val:
verei terras, verei illas,
verei mares de coral…!
¡Andei por tódolos mares!
¡Xa cansei de navegar
co meu barco de xoguete
sen saír do meu fogar!
(Manuel María. Os soños na gaiola)

ESTÁN MOI CANSAS AS BARCAS.


Están moi cansas as barcas
aló no fondo do mar.
Semella que están durmindo
e non queren espertar.
O vento está a acariñalas
cos seus dedos pillabáns.
As barcas seguen durmidas
e parecen non notar
os aloumiños e beixos
que o vento lles quere dar.
Dormen as barcas cansadas
aló no medio do mar

(García Teijeiro.Ventos)

CANDO O VENTO AGARIMA.


Cando o vento agarimaba
ás ondiñas xoguetonas,
os peixiños prateados
dábannle forte ás zanfonas.
-Ollanos- dixo un cativo.
-Bícanos- dixo un segundo.
-Fainos cóxegas, ventiño, - dixo, mecoso, outro deles.
O vento abriu os seus brazos
cara ós peixes pequechiños.
Peixes e ondas fixeron
unha roda de aloumiños.
(García Teijeiro. Ventos)

ADIVIÑAS SOBRE A LÚA.


SEN TRABALLAR TEÑO CUARTOS
SEN MORRER SON NOVA OU VELLA,
SEN COMER CARNE OU CALDO,
MOITAS VECES ESTOU CHEA.

ALTO POMPÍN
REDONDO MOLETE,
QUE CHOVA,
QUE NEVE,
E NON SE DERRETE.

(Paco Martín.Que cousa é cousa...?)

O RATO E MAILA LÚA.


UN RATO DÍXOLLE Á LÚA:
-NUNCA REPARAS EN MIN;
POR ESO VIVO NA RÚA
METIDO NUN CALCETÍN.

ELA FITOUNO ABRAIADA.
DÉRONLLE GANAS DE RIR.
DAQUELA APAGOU A LÁMPADA
E DISPÚXOSE A DURMIR.


POLO DESPREZO DA LÚA,
O RATIÑO ALPORIZADO,
BERROULLLE CON MOITA FORZA:
- XA NON ESTOU NAMORADO!

(Antonio García Teijeiro."O libro dos cen poemas")

A LÚA.


LÚA QUE SAES DE NOITE NÚA
¿ONDE TES A CASA TÚA?

LÚA NOVA
OCULTA NA COVA.


LÚA CRECENTE
MÉDRALLE UN DENTE.

LÚA MINGUANTE
CAIRO DE ELEFANTE.

LÚA QUE SAES DE NOITE ESPIDA
¿ONDE DORMES DE DÍA?

(XOÁN NEIRA."Xiz de cor")

O INVERNO ESTÁ PRETO.


A lúa está dormida.
A noite está a chamala.
A lúa está roncando.
A noite está enfadada.

Cobren sabas de prata
o seu leito salgado.
Hoxe xa non esperta;
segue cos ollos pechados.

Dorme a lúa no mar.
Sombras voan no ceo.
Pensa a noite,tristeira:
"O inverno xa está preto".

(Antonio García Teijeiro."Lueiro de papel")

A LÚA PERDEU O SONO.


A LÚA PERDEU O SONO.
NON O ATOPA POR NINGURES.
MAL SABE A LÚA LUADA
QUE A LÚA CON SONO,
NON É NADA.
NON É NADA
(Gloria Sánchez."Fafarraios")

A LÚA.


A SEÑORA LÚA
INDA ESTÁ SOLTEIRA

¡A SEÑORA LÚA,
A LÚA LUEIRA!


A LÚA LUEIRA,
A SEÑORA LÚA:
¡TEN GANA DE TROULA
E QUERE IR DE RÚA!

¡E QUERE IR DE RUA,
DE TROULA IR QUERÍA.
QUE SENTE MORRIÑA
E MELANCOLÍA!

A SEÑORA LÚA,
A LÚA RUEIRA,
COMO ANDA DE NOITE,
SEMPRE ESTÁ TRISTEIRA.

SEMPRE CON TRISTURA
E MELANCOLÍA
QUE ANDA POLA NOITE
E DORME DE DÍA.

(Manuel María. "Os soños na gaiola")