domingo, 17 de abril de 2011

A LÚA CHOVE NO RÍO.


A LÚA CHOVE NO RÍO
E NAS SOMBRAS DAS FERIDAS
QUE ÁS PERSOAS INOCENTES
ESTÁ A DEIXARLLE A VIDA.

A LÚA CHOVE NO RÍO
E NUNCA, NUNCA SE AFOGA,
PORQUE CHOVE CON LEDICIA
E ACARIÑA, E MESMO, XOGA.

A LÚA CHOVE NO RÍO
E BICA NO CORAZÓN
E TODOS AQUELES SERES
QUE PERDEN A SÚA VOZ.

A LÚA CHOVE NO RÍO
E NO CORPO DOS MENIÑOS
QUE VAGAN DE RÚA EN RÚA
NA BUSCA DUN ALOUMIÑO.

(Antonio García Teijeiro. Chove nos versos)

CHOIVA DE LÚA.


CHOIVA DE LÚA,
AUGA DE PRANTO,
LAZOS QUE MOLLAN
CADA RECANTO.

CHOIVA DE LÚA,
AUGA DE ESPELLO,
PINGAS QUE ESVAEN
OS PESADELOS.

CHOIVA DE LÚA,
AUGA DE ARROLO,
AIRE QUE CONTA
CONTOS DE LOBOS.

CHOIVA DE LÚA,
AUGA DE VERSOS LIÑAS
QUE VOAN
POLO UNIVERSO.

CHOIVA DE LÚA,
LÚA DE RISAS,
RISAS DE VIDRO
VIDRO DE BRISAS.

(Antonio García Teijeiro. Chove nos versos)

domingo, 3 de abril de 2011

HAI UNHA ILLA LOUBADA


HAI UNHA ILLA LOUBADA


Hai unha illa loubada

Alá no fondo do mar.

Ten bois da color do tempo

E pastoras de cristal.

Ten un río de paxaros

Que desemboca en canción.

Paxaros mornos de illa

Con os seus niños no sol.

Ten lúa nova e crecente

E ollos para decir ai lá!

A boca tena pechada

Para vendimas de sal.

E ten un cabelo novo,

Ai amor! Qué pelo ten.

Cheiro profundo de alga

E sabor limpo de mel.


ÁLVARO CUNQUERIO

VERDE ESTÁ O MAR


VERDE ESTÁ O MAR

Verde está o mar cando o miro
polo cadro da ventá:
pelo verde, verde peito,
ollos verde mazá:
por un val do seu costado,
ráchalle unha barca o sal,
mil peixes descoñecidos
berran sen poder berrar.
Sangue no ronsel de escumas,
branco sangue, sangue real.
Rompéndolle o corpo verde
aquel barco vai pescar.


Ana Mª Fernández

PERGUICE


PERGUICE

Polos anzos de Sampaio
fita o sol de ista mañán:
quer mirar as illas Cíes,
mais nos as pode mirar.

Érguete, sol perguiceiro,
érguete, que é tempo xa:
debalaron os arrolos
agarimosos do mar,
que o berce da lúa chea
xa está canso de arrolar.

Érguete, sol perguiceiro,
érguete, que é tempo xa;
que fuxa a neboa agoirenta
e cante o merlo lanzal.

Érguete, sol perguiceiro,
que teño de ir a pescar!....

ÁLVAREZ BLÁZQUEZ

DEIXA O BARCO NAVEGAR



DEIXA O BARCO NAVEGAR

Deixa o barco navegar,
que hoxe che vai a traguer
un peixiño de cristal....

Ti e mais eu, miña nena,
andamos a brincar
ás casiñas na praia
e aos navíos no mar.

As casas son de cuncha,
os barcos de papel,
e ti e mais eu seremos
feitos de nacre inxel.

Axiña que as botamos
as barcas se asolagan....
Ai, Dios, que brincadeira
iste brincar das vagas!

Logo vimos para terra
reparar nosas chouzas.
Todas se derrubaron,
unhas enriba das outras!

Que ledo é, miña nena,
traballar para res,
facer casas de cunchas
e barcas de papel.


E, cando na noitiña,
xa cansos de brincar,
che apreixe nos meus brazos
para che acocorar,

cantarche manseliño
a historia dun amor
que non se vai ao fundo
porque o goberna Dios.


ÁLVAREZ BLÁZQUEZ

ONDAS DO MAR


ONDAS DO MAR

Ondas do mar,
verdes ondas,
altas, baixas,
longas,
fondas;
ondas cun facho de escuma,
ondas que buscan fortuna,
ondas que son latriqueiras
e de ribeira en ribeira
saltan en máxicas dunas;
ondas que bican os fondos
e remontan altos tombos,
ondas que estralan,
que brúan;
ondas con dedos de chamas,
ondas que abraian e aclaman,
ondas que xuntan areas,
ondas que contan fazañas,
ondas que erguen montañas,
ondas do Sur e do Norte,
ondas que esconden a Vida,
ondas que tecen a Morte,
ondas pequenas, mainiñas,
ondas que cobren o mundo.
Moradoras da mariña,
mensaxeiras do profundo.


Ana Mª Fernández