Teño un barco de xoguete e nel me quero embarcar. Polos mares dos meus soños ¡quen me dera navegar! Navegarei por mil ríos, sete mares hei cruzar. ¡No meu barco de xoguete cansarei de viaxar…! ¡No meu barco de xoguete, mariñeiro e capitán…!
¡Non teño medo ó trebón nen me asusta o furacán! ¡O meu barco de xoguete! ¡O meu barco moito val: verei terras, verei illas, verei mares de coral…! ¡Andei por tódolos mares! ¡Xa cansei de navegar co meu barco de xoguete sen saír do meu fogar! (Manuel María. Os soños na gaiola)
Están moi cansas as barcas aló no fondo do mar. Semella que están durmindo e non queren espertar. O vento está a acariñalas cos seus dedos pillabáns. As barcas seguen durmidas e parecen non notar os aloumiños e beixos que o vento lles quere dar. Dormen as barcas cansadas aló no medio do mar
Cando o vento agarimaba ás ondiñas xoguetonas, os peixiños prateados dábannle forte ás zanfonas. -Ollanos- dixo un cativo. -Bícanos- dixo un segundo. -Fainos cóxegas, ventiño, - dixo, mecoso, outro deles. O vento abriu os seus brazos cara ós peixes pequechiños. Peixes e ondas fixeron unha roda de aloumiños. (García Teijeiro. Ventos)